Máscara si, máscara non

E agora o debate do momento é sobre o uso xeneralizado da máscara. Máscaras full time si ou non? Velaí a cuestión. Botas a vista atrás e nestes sesenta días o confinamento podería ir resumíndose nunha sucesión de debates (e debatiños) sobre os que cadaquén se tivo que ir (in)formando e nalgúns casos tomar e actuar en consciencia: luvas si, luvas non; esta ou aqueloutra profesión é esencial ou non; deixar os zapatos fóra da casa ou entrar con eles; cafés para levar permitidos ou cadaquén que o faga na casa; inmunidade de rabaño ou restrinxir os movementos da poboación; ceibar os nenos á rúa ou seguir manténdoos confinados; ir copiando o que fixeron noutros lares ou optar por unha vía propia; desinfectar os produtos do supermercado ou non; loito oficial ou tirar para diante; moverse entre provincias ou non saír da túa; máis prórrogas do estado de alarma ou xogármonola aos penaltis…; etc.

Ou branco ou negro. Semella que os grises desapareceron. Poucas cousas se saben ao 100%. Ás veces semella haber certa mestura entre recomendacións e obrigas, certa confusión entre prácticas pensadas para profesionais directamente expostos á doenza fronte á súa aplicación na xente do común. E, de fondo, certo emponzoñamento político que hoxe en día semella ser transversal a todo. En que vértice do ring está o inimigo que eu sitúome no oposto. Hai quen fala polas redes cunha seguridade que dan ganas de lle preguntar polo seu currículo epidemiolóxico ou, mellor aínda, pedirlle que nos conte cantas pandemias leva superado.

O dilema das máscaras está aí desde o comezo. Lembro aquel sábado 14 de marzo e na Coruña xa se comezaba a ver algunha. Naqueles inicios os mortos contábanse por centos (e subindo) e o número básico de reprodución estaba desbocado. Facían falta miles e miles delas. Eran imprescindibles para o persoal sanitario. Abrían telexornais e acabamos sabendo o que valía traer unha tonelada delas desde China. Levala pola rúa era de xente egoísta e insolidaria.

Hoxe as cousas mudaron e para ben. A soga aperta menos. Xa parece que se respira, aínda que sexa con contención. Os mortos minguaron, aínda que sigan sendo unha cifra obscena. A reprodución do virus malamente chega a 1 e, ao parecer, o virus apenas circulou (e circula?) entre a poboación. Porén, fixádevos se cambiou a cousa que case xa hai máscaras de oferta nos supermercados e convertéronse en obxecto promocional de gobernos de toda cor política e circunscrición (local, provincial ou autonómica). Non levala parece ser de xente imprudente.

Obrigatoria, como tal, unicamente é no transporte público e de se xeneralizar para todo momento, espazo e lugar no exterior pode axudar para constatar dúas cousas: hai situacións concretas en que o ser humano borregamente empequenece o mundo e non lle chega a nada (o irracional asalto ás terrazas do luns foi un exemplo); hai territorios que poden precisar de certas axudas compensatorias para avanzar de fase. E Fernando Simón que di? Pois de momento perífrase de obrigatoriedade non se lle escoitou ningunha. Di que “altamente recomendable”, pero o seu uso obrigado créalle reticencias para certos colectivos. Hai semanas as pégas viñan dadas por posibles malos usos, pois tod@s vimos xeitos de levala e portala que darían para un anecdotario ben xeitoso…

O único inmutable nestes dous meses: lavar as mans e distancia interpersoal. E en Galicia engadimos o sentidiño. E a min non me parece mal. Tampouco nos afagamos a que todo veña regulamentado e normativizado. Ocorre que sendo como é un substantivo abstracto, o sentidiño concrétase en tantos individuos como hai que case é o mesmo que dicir como tantos modelos de máscara temos ao noso dispor no mercado. E entre tanto individuo tamén se inclúe algún que outro descerebrado que ora che asola unha terraza ora se che arrima na cola do súper. Para eses, máscaras e con suxeición dobre.

Unha opinión sobre “Máscara si, máscara non

Deixar un comentario