Casa

E, finamente, 74 días despois pisei outro chan que non fose o da Coruña, aínda que fose igualmente coruñés. Respectáronse os límites provinciais, mais non así os da área sanitaria. Así tiña que ser. Na particular desescalada familiar foi o meu día. E volver á vila tivo todo o de reconfortante que se esperaba. Ver practicamente todas as caras que un pretendía ver e comprobar que segue habendo unha casa cun pecho que despechar. E non é o que o dubidase, pero se algo caeu en desuso estas semanas foron as chaves. As grandes desprezadas do confinamento. Alén de seren sospeitosas de faceren bo caldo con virus e demais microorganismos, para que se precisaban estando sempre na casa?

Nunca tanto tempo botara fóra dela. A súa volta lembroume a cando de neno regresabas dunha excursión. Cinco, seis días fóra a ollos dun pequeno da EXB oitenteira xa parecen un mundo. Entras na vila de noite, o autobús a pitar para anunciar a chegada e ti vas procurando ver se hai algo distinto a cando marcharas. Hoxe moito negocio aínda segue pechado, sobre todo, moito bar. Algún que lembro de sempre non resistiu e non volverá abrir. En todo caso, vese movemento pola rúa. Moito transitar de persoas e tamén de camións. É o que ten estar no punto en que esa autovía que leva vinte anos en marcha, a de Santiago-Lugo, máis lle custa tomar forma. Seguro que na vindeira campaña se volverá falar dela. En todo caso, moito se fala da xentrificación nas grandes cidades, mais algo semellante está a ocorrer nos centros das vilas por moita cabeceira de comarca que sexan…

Foron poucas horas, pero deu tempo a conversas e mesmo repetir outras que xa se produciran por teléfono. Coa xente maior xa se sabe. Aprecio ganas de falar e toca escoitar. Non importa. Foi ao que fun. Os reencontros son iso: verse e escoitarse. No xantar, á mesa, respectamos a distancia. Se non fose porque en vez de papeis hai comida parecería un entrevista de traballo. Din que no rural e nas vilas seica o confinamento se levou doutra maneira. Evidentemente unha eira, unha casa con patio ou horta ou unhas corredoiras na volta do lar pouco ten que ver coas catro paredes dun piso urbano. Desde a distancia as imaxes dun paseo marítimo a encher, dunhas terrazas asaltadas e duns insensatos a mollaren o cu en Riazor moi ben dos urbanitas non falan. Un cartel coronavírico disposto na fonte chamada “dos catro canos” chama polo sorriso:

Recoméndase non beber auga durante a alerta sanitaria

Nas vilas si que saben!

Deixar un comentario