Respostas (I)

A ver, xente, que onte me chamaron a atención porque seica fago moitas preguntas, pero non dou resposta ningunha. Que digo eu que a idea era que cadaquén achegase as súas propias, para si mesmo ou mesma. Pero nada, fareino eu todo daquela. Rescato aquelas primeiras do 30 de marzo e a ver en que dá a cousa:

  • Ata cando Miguel Ángel Oliver vai seguir filtrando as preguntas ao presidente e ministr@s?

Pois custou o seu, non vaiades pensar! E con escrito-protesta do xornalistas de por medio. Mais, ao final, imperou o sentido común e a Sánchez and company deixaron de poñérllelas fácil.

  • A covid-19 acelerará a morte do diñeiro en metálico?

Sobre iso xa fixen unha entrada. Eu estou a pagar cousas coa tarxeta que nunca antes pagara. E non descarto que así siga sendo, sexa a fase que for, esteamos na normalidade en que estivermos…

  • Ás ambulancias e demais coches oficiais non se lles estará indo a man con tanta autohomenaxe coas sirenas a soaren? Non se dan conta de que resultan molestas?

Duraron e duraron xa de máis! Eu entendo que os momentos que se viviron foron críticos, pero andar de peregrinación con elas postas e ao pé dos hospitais non se lle ocorre nin ao que asou a manteiga… Noutras circunstancias derivaría nunha multa considerable, pero en tempos de pandemia podes tocar a bucina ás portas do CHUS, do CHUAC ou do CHUVI, pero non sentar o cu na praia.

  • A xente que leva máscara (sen ter por que) é consciente de que aumenta as súas probabilidades de levar as mans á cara para andar colocando nela?

Pois nesas estamos aínda. E mira que lle levamos dando voltas todas estas semanas. Está a piques de saír a orde que regulará o seu uso. E digo eu que todo será gañar práctica e a afacerse de vez. Eu non sei vestir gravata, mais isto da máscara parece sinxelo.

  • Feijoo, co seu decidido empeño por falar (e chiar) en castelán, segue postulándose para algo máis…?

Quen sabe? Con Casado a monte e Cayetana encirrándoo, Feijoo continúa aí. Está xogando a súa baza de se presentar como o moderado, o bo xestor cunha longa traxectoria e tres, esperemos que só tres, maiorías absolutas consecutivas.

  • Remontará o xénero gramatical feminino e “a covid-19” acabará por imporse? Por que, no caso galego, no DOG ou na TVG non se se segue a recomendación do Portal das Palabras?

A menos non foi e é de celebrar. Desde a primeira semana tivemos opinión académica ao respecto, o cal tamén é de celebrar. Os medios en galego fóronse sumando e “a covid-19” é maioritaria. Por que no DOG, a Xunta e o Sergas seguen instalados no masculino? Misterio por resolver…

Pois non o teño tan claro. No me u caso como veu , foise. A cultura da presencialidade está moi presente (valla a redundancia). E o teletraballo revelouse como algo máis que quedar na casa cun ordenador. Especialmente, se coincide coa teleformación da cativada tamén confinada.

  • Caerá algún medio de comunicación pola falta de publicidade? Por que a radio está a ser a máis castigada?

Impreso vin desaparecer o deportivo coruñés DxT e quen sabe se volverá aos quioscos… Foron malos tempos, os ERTE foron norma nos medios e os plans de subscrición víronse interrompidos. A xente demandou información coma nunca e para o futuro queda unha mensaxe: a boa haberá que pagala.

  • Os vosos guasaps tamén van notando un descenso de cibercaralladas que reciben? Dito doutro xeito, os vosos móbiles xa se van resentindo con tanto empacho cibernético?

Foron a menos paulatinamente. A verdade é que houbo cousas ben xeitosas e graciosas. Alegraron días monótonos e estraños. Iso si, recoñezámolo, unha tarde destas haberá que pórse a facer limpeza.

  • Xa en marzo podemos ir consensuando cal vai ser a palabra deste ano?

Ummm, pois vai estar complicada a cousa. Máscara, confinamento, coronavirus, fase, pandemia, contaxio… E a saber nos meses que quedan por diante. Quen vos di que non haberá reconfinamento? Vai estar moi disputada a cousa desde logo. Monotemática, pero moi disputada. O que xa é curioso é que a palabra de 2019 fose totalmente premonitoria: sentidiño!!

  • A que xa non se comen as uñas coma antes?

Eu recoñezo que, superado o impacto inicial, volvo comer nelas coma antes. Caghonomundo! Camiño da nova normalidade cos vellos vicios incorporados… Deberían prohibilo. Aí faltoulle valentía ao Goberno. Poremos da nosa parte e tentaremos cambiar!

Deixar un comentario