Dicionarios

E nestas estamos e resulta que na Real Academia Española están que bailan na punta do pé porque no último mes o seu dicionario en liña alcanzou a cifra de 100 millóns de consultas. Que son moitas consultas do noso señor!! Parabéns! É unha boa nova para a filoloxía e os lexicógrafos. Ben puideron aproveitar e organizar sorteos para se librar da versión impresa do dicionario que seica teñen acumulada e non dan vendido. Cada 100.000 visitas un exemplar de agasallo.

Gracias por consultar el término “barboquejo”. Es usted el visitante número 42.700.000 desde que comenzamos el confinamiento. Le corresponde un ejemplar de nuestro diccionario impreso. Sea tan amable y déjenos sus datos.

Sería un bo xeito de incentivar aínda máis as buscas e despexar almacéns. En todo caso a nova quere dicir que pechados nas nosas casas non todo foi Netflix, pilates youtubeiro, videochamadas, xogos en liña ou porno. Tamén houbo tempo para andar a fedellar no dicionario e consultar, poñamos por caso, a grafía de exabrupto, a conxugación de argüir ou confirmar que as famosas almóndigas das que todo mundo falan efectivamente están no menú académico. Perfecto! Aplaudo coas orellas! Consultar un dicionario é dos exercicios máis simples, sans e instrutivos que pode haber.

A versión oficial que transmiten desde a douta institución é que se procuraron moitas palabras relacionadas con este novo idioma que nos trouxo o coronavirus. E é lóxico e cádrame. Xa o dixemos máis veces. A xente quere saber, quere certezas e nos dicionarios hainas. Unha tras outra en orde alfabética. As palabras significan o que significan. Punto. Ou como diría o ministro de Sanidade “dar un paseo es dar un paseo”. Non hai máis.

Con todo, non podo deixar de pensar se tantas consultas non serán tamén o resultado de andar a rapazada (e os pais e as nais) a facer actividades desde as súas casas coma toliños e toliñas. Nunha lapela do navegador o exercicio e na outra barra libre lexicográfica. Xa sabedes, os típicos de encher ocos, dicir esta ou aqueloutra forma persoal dun verbo… Tod@s pasamos por iso, pero non con tantas facilidades.

E co dicionario da Real Academia Galega sabemos se pasou algo semellante? Nin idea. Os últimos datos son en bruto e corresponden ao ano pasado. O que si se sabe son as palabras máis buscadas do último mes: botar, dicir, poder, gravar, mais, dar, ser, ver… Non sei vós, pero eu aí vexo agochado moito exercicio do mesmo estilo. Moito verbo para conxugar, algo de ortografía e moito diacrítico para discernir. E na última semana cal foi a palabra máis buscada? Pois o adverbio fóra. Indicador perfecto das ganas que temos de saír.

Deixar un comentario