Respostas (II)

Seguimos autorrespondéndonos. Estas foron do 14 de abril

Pero exactamente que hai detrás de “patoloxías previas”? De canta “anterioridade” falamos? Prescriben as patoloxías?

Posiblemente o grande eufemismo desta nova lingua coronavírica que se foi configurando co tempo. Boto en falta que houbese maior explicación ao respecto. Por momentos soou algo así a “tíñaa alí”, “estaba de ser”…

Non haberá xa certa sobredose de tanta linguaxe bélica?

Chegoulle ben, pero vista a violencia verbal de hoxe mesmo no Congreso non podemos esperar máis. Ramoneda explicouno moi ben, por certo.

Federalismo asimétrico xa sabemos que non, pero e que tal se lle aplicamos a asimetría ao confinamento?

E así foi. A península pintada a cores que son fases.

Hospitais de campaña sen estrear versus Consellaría de Educación. Non é moi estraño que a mesma administración mostre tanto celo de previsión para unhas cousas e tanta indefinición para outras?

Na Administración Feijoo todo é posible e ter prestixio académico non é garantía ningunha de boa xestión nin competencia.

Non dá un pouco de vertixe que nos encamiñemos cara a un período de vixilancias mutuas entre as persoas?

Vixilancias mutuas non sei. De mirarnos de esguello uns aos outros xa estamos adestrados. Non se descarta que aparezan novas profesións tipo “acomodador de praia”, “vixilante de terraza” etc.

Estamos en mans de políticos adolescentes que se reprochan uns aos outros quen chama a quen por teléfono, cantas veces e con que frecuencia?

Pois si, é o que hai. Certo infantilismo e no peor momento. E despois das chamadas que será? Se se responden con emoticonas nas mensaxes por WhatsApp? Esperade a ver…

Depuraranse responsabilidades penais polo que está a acontecer nas residencias da terceira idade?

Oxalá! O 6 de maio seica había seis dilixencias abertas. A ver en que quedan… Haberá que estar vixilantes.

Alguén sabe como vai o duelo entre “o covid-19” e “a covid-19? Que xénero vai gañando? Completará a remonta o feminino?

Non só remontou, senón que mesmo xa se lle abriron a porta na rúa Tabernas. Chegar e encher! Eu non sei será un tanto prematuro, pero doutores/as ten a Igrexa e académicos/as a Academia. O que aprecio ultimamente é que se emprega mesmo sen o guión nin o número. Ahh! E á Academia estalle quedando atrás a aplicación do móbil. Que alguén llelo advirta!

Que será antes? Volver pisar un bar ou un partido de fútbol na tele?

Pois aí, aí, vai andar a cousa. En principio foron antes os bares. Desde esta semana mesmo xa se pode entrar naqueles que abriron. Outra cousa é que se vaian cantar moitos goles neles unha vez que volva o fútbol. Dáme a min que non…

É sensación miña ou isto dos balcóns está a decaer un tanto? (nótanse os días…)

Foron minguando pouco a pouco. No mellor dos casos mantivéronos os que desde sempre os iniciaron, mais tiveron un triste final. Unha mágoa!

Nas praias nudistas tamén haberá que levar máscara?

Pois agora que sabemos que a máscara vai ser o complemento deste verán e que as praias “abriron” esta mesma semana non vexo que ninguén se pronuncie ao respecto… Que se praia coa parcelaria feita, que se acomodadores… pero disto de momento ninguén se molla! Ata que Simón o faga, claro!

Deixar un comentario